Thursday 02 de May de 2024

A Xunta adxudica o contrato para a actualización do estudo poboacional do lobo Ibérico en Galicia


A conselleira de Medio Ambiente expresa a súa “sorpresa e indignación” polo anuncio feito hoxe e as formas do Goberno central respecto á inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial

“O Ministerio obvia dun xeito insólito ás comunidades lobeiras, sen consenso e sen apenas diálogo, cando aínda lle quedan moitos deberes por facer”, sinala

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou hoxe o contrato para a actualización do estudo poboacional do lobo ibérico en Galicia, por un importe de 63.600 euros, á empresa Arena Asesores en Recursos Naturales.

O obxectivo deste servizo é actualizar os traballos oficiais de censado que se fixeron entre os anos 2013 e 2015, utilizando a mesma metodoloxía que se empregou entón para así poder facer comparacións.

Durante os meses de xuño a outubro deste ano levaranse a cabo traballos de campo mediante a realización de itinerarios de seguimento, recollida de excrementos e estacións de escoita-ouveo para a detección de lobo ibérico, sobre un total de 326 cadros UTM de 10 quilómetros lado, o que suporá preto de 29.000 quilómetros cadrados de superficie censal.

Como primeira actuación a levar a cabo, o persoal da Consellería participará nos vindeiros días en xornadas formativas nas que se traballará sobre o protocolo a seguir, se intercambiará información e se coordinarán todas as actuacións a levar a cabo nos meses que durará o estudo.

“Galicia considera imprescindible contar con esta información o máis actualizada posible, como necesario aval técnico e científico a calquera decisión que puidese ser adoptada en relación coa modificación do status legal de protección da especie no seu territorio, e non xustamente ao revés, que é o que pretende o Goberno central”, subliña a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Precisamente, a sinatura do contrato produciuse o mesmo día no que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico fixo público un proxecto de orde ministerial que inclúe ao lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), un texto que xa establece un calendario.

Trátase dun anuncio que a conselleira acolle con “sorpresa e indignación”, sobre todo polas formas do Goberno central, que ten sumidas ás comunidades autónomas “nunha continua contradición e nun continuo engano”.

“O Ministerio obvia dun xeito insólito ás comunidades lobeiras, sen consenso e sen apenas diálogo, cando aínda lle quedan moitos deberes por facer”, sinala Ángeles Vázquez, que ademais incide en que “está a dar datas concretas cando só hai uns días o mesmo Executivo central tiña dúbidas e ofrecía posturas contraditorias”.

Galicia, xunto a Asturias, Cantabria e Castela e León, co apoio doutras sete autonomías e das organizacións agrarias, veñen reiterando ao Ministerio que desista da súa intención de incluír o lobo no Lesrpe ata que se consensúe a nova Estratexia estatal, unha ferramenta que como recoñece o Goberno central, non está finalizada.

“Un período transitorio inexistente”
“O Ministerio opta por poñer o tellado antes que os cimentos, con malabares xurídicos, incluíndo teoricamente o lobo Listaxe, pero regulando que a inclusión non terá eficacia ata que se aprobe a Estratexia estatal”, di a conselleira, engadindo que “o período transitorio que ofrecen en realidade é inexistente, tendo en conta que se trata dun tempo necesario para que saia adiante a orde”.

Por todo o sinalado, Vázquez Mejuto considera “unha total falta de rigor aprobar a inclusión antes de analizar e concretar o censo e antes de analizar e concretar as medidas económicas que deberán poñerse en marcha para evitar os danos que producirá o lobo nas explotación gandeiras”.

Cómpre recordar que o lobo forma parte do patrimonio natural e cultural da nosa Comunidade, pero ao mesmo tempo xera unha conflitividade relevante co ser humano asociada aos danos que causa ao gando que dá lugar a unha problemática social que pode derivar en problemas de conservación para a especie, polo que esta debe de ser obxecto dunha atención especial.